Alameda e xardíns Felipe de Castro
Esta zona verde responde a un momento no que a vila medra cara a fóra. Os xardíns Felipe de Castro, de finais do século XIX, toman o nome do busto sobre pedestal que preside a entrada: o artista noiés do século XVIII, escultor real en tempos de Fernando VI e director da Real Academia de Belas Artes de San Fernando. O busto de bronce colocouse a finais do XIX; da mesma época son os grandes magnolios xaponeses.
Con motivo do Día das Letras Galegas dedicado a dous escritores noieses colocáronse os bustos de Antón Avilés de Taramancos (2003), obra de Camilo Seira, e de María Mariño (2007), obra da artista noiesa Soledad Penalta. Hai tamén un busto do músico noiés Prudencio Romo, cofundador de Los Tamara, realizado por Emilio Mariño.
Á zona de xardíns séguelle a Alameda, modificada co tempo. Gusta contemplar os bancos con respaldo de ferro nos que figuran os anos de fundición e colocación; os máis recentes foron renovados. O orixinal chan de area cubriuse en 1968 cun embaldosado, despois renovado; o palco da música colocouse en 1950 e en 1970 créase o parque infantil da Alameda.