Casa do Concello
Situada na Alameda, xunto á igrexa renacentista de San Francisco, mostra na fachada unha torre neogótica cun gran arco de acceso e ameas ornamentais na parte superior. É de construción recente, mediados do século XX, e a rehabilitación do edificio foi obra do arquitecto compostelán Leoncio Bescansa.
No interior gárdanse escudos de edificios de Noia no claustro da planta baixa, así como restos que formaron parte do edificio dos franciscanos. É especialmente interesante o arco apuntado medieval pertencente ao Hospital do Santo Espírito de Afora —chamado de Afora porque se localizaba extramuros—. Nas súas doelas hai gravados do mundo da peregrinación (báculo con cabaza e cuncha), pois este hospital acolleu peregrinos. Outro gravado alude á orixe mítica de Noia: segundo a lenda a vila foi fundada por Noé, e así aparece nunha doela a arca de Noé e a pomba. Outra variante da lenda atribúe a fundación a Noela, neta de Noé.