Igrexa de San Martiño
Rematada en 1434 e declarada Ben de Interese Cultural, é un templo representativo do gótico galego: unha soa nave e capela maior poligonal cuberta por bóveda de crucería que no exterior se reforza cun remate ameado, o que lle imprime carácter de fortaleza. Construiuse en tempos do arcebispo Lope de Mendoza, que aparece no tímpano da portada lateral norte xunto á Virxe co Neno e San Xosé. No tímpano da portada principal vese o seu escudo con lúas escaqueadas.
Chama a atención a amplitude da nave, dominada pola luz das vidreiras nos muros, na zona do altar e no rosetón da fachada occidental. A finais do século XVI abriuse no lado da epístola a capela de Valderrama, onde se atopa a pía bautismal.
A fachada cara á praza do Tapal ofrece unha bela portada escultórica na liña da obra do mestre Mateo no Pórtico da Gloria da catedral de Santiago: monstros nas bases, apóstolos en dúas alturas nas xambas e, nas arquivoltas, doce anciáns con instrumentos musicais arredor de Cristo Xuíz. No arranque das arquivoltas represéntase a Anunciación. A portada, coroada polo rosetón, flanquéana corpos laterais que rematan na torre do campanario e na do reloxo.
A cultura popular fala dunha maldición na torre inacabada: quen intente terminar a segunda torre terá un triste final. Contase que un antigo mestre canteiro caeu mentres traballaba; o suceso do director Claudio Guerín, morto o último día de rodaxe de A campá do inferno (1973) tras reconstruír en cartón pedra a segunda torre, reavivou a lenda.