Esta zona verde e de esparexemento responde a un momento no que a vila crece exteriormente. Xorden así os xardíns Felipe de Castro a finais do século dezanove, bautizados con ese nome polo busto sobre pedestal que preside a entrada. Este busto representa ao artista noiés nado no século dezaoito, escultor real nos tempos de Fernando VI e director da Real Academia de Belas Artes de San Fernando. O busto en bronce colocouse a finais do século dezanove e da mesma época son os grandes magnolios xaponeses. Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, colocáronse os bustos de dous escritores noieses: Antón Avilés de Taramancos, obra do artista Camilo Seira (dous mil tres), e María Mariño, obra da artista Soledad Penalta (dous mil sete). Este espazo que fala de Noia como berce artístico tamén mostra un busto do músico noiés Prudencio Romo, cofundador do grupo Los Tamara que revolucionou a música galega. Dita escultura foi realizada polo artista noiés Emilio Mariño.
A esta zona de xardíns séguelle a Alameda que coñecerá, co tempo, modificacións. Gusta contemplar os bancos con respaldo de ferro no que figuran os anos da súa fundición e colocación, os máis recentes foron renovados. O orixinal chan de area foi cuberto no ano mil novecentos sesenta e oito por un embaldosado, o de agora foi renovado; o palco da música colocouse en mil novecentos cincuenta e en mil novecentos setenta créase o parque infantil da Alameda.